|
O CALENDARIO LABORAL DE 2006 FIXA COMO DESCANSO RETRIBUÍDO O DÍA DAS LETRAS GALEGAS
- Substitúe ao descanso tradicional de Aninovo, que coincide en domingo
Santiago, 2 de agosto de 2005.- O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe o decreto polo que se determina o calendario laboral para o ano 2005 na Comunidade Autónoma galega. Como aspecto máis salientable para o vindeiro ano, substitúese o descanso laboral do 1 de xaneiro, Aninovo, que coincide en domingo, polo 17 de maio, Día das Letras Galegas.
Para a determinación deste calendario séguese o criterio de manter unha estabilidade na determinación das festas laborais para conmemorar todo aquilo que forma parte da tradición, historia e cultura de Galicia, aproveitando as posibilidades que permite o calendario anual que, en 2006, fai que coincida en domingo algunha festividade celebrada en anos anteriores. Xa en 2005 foron declarados festivos o 19 de marzo e o 17 de maio, neste caso en substitución da Festa do Traballo (1 de maio) e do día de Nadal (25 de decembro).
FESTAS LABORAIS
Segundo o decreto publicado hoxe, serán festas laborais de carácter retribuído no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 as seguintes:
* 6 de xaneiro: Epifanía do Señor.
* 13 de abril: Xoves Santo.
* 14 de abril: Venres Santo.
* 1 de maio: Festa do Traballo.
* 17 de maio: Día das Letras Galegas.
* 25 de xullo: Santiago Apóstolo. Día Nacional de Galicia.
* 15 de agosto: Asunción da Virxe.
* 12 de outubro: Festa Nacional de España.
* 1 de novembro: Todos os Santos.
* 6 de decembro: Día da Constitución Española.
* 8 de decembro: Inmaculada Concepción.
* 25 de decembro: Natividade do Señor.
Estes días serán inhábiles en canto ao cómputo de prazos administrativos na Comunidade Autónoma de Galicia.
Así mesmo, tamén serán inhábiles para o traballo, retribuídas e non recuperables, dúas festas locais que serán determinadas polos delegados da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais en cada unha das provincias da Comunidade Autónoma a proposta do pleno dos respectivos concellos.
|